Falece un usuario de 88 anos na residencia Orpea de Culleredo
Os veciños do Incio deixan o autoconfinamento e o centro urbano volve a recuperar parte da actividade. Os resultados negativos do cribado veciñal déronlles un pequeno respiro.
"Hai máis tranquilidade e hai algo máis de movemento", "confiaba que foran todos negativos, o foco é puntual da residencia", din os veciños.
O gromo parece estar acoutado na residencia, onde a situación segue a ser complicada. Hoxe non aumentaron os casos, pero este centro segue a ter o maior número de contaxios, 118, dos cales 87 son usuarios e 31 traballadores. Tamén é o centro con máis vítimas mortais, nove dende que se detectou o gromo.
"Entre os traballos de rastrexo e o cribado parece que podemos concluír que a incidencia do virus fóra da residencia é mínima, preocúpanos a situación na residencia, que segue sendo grave", explica Héctor Corujo, alcalde do Incio.
Onde segue a subir o número de contaxios entre os usuarios é na residencia de Outeiro de Rei. Tres novos positivos nas últimas horas elevan a 42 os residentes infectados, oito deles están ingresados no hospital de Lugo. Dentro do cadro de persoal, hai cinco traballadores contaxiados que están illados nas súas casas.
Dun centro residencial é tamén a última vítima mortal rexistrada en Galicia. Trátase dun usuario da residencia Orpea de Culleredo. Neste centro hai 32 internos contaxiados e seis traballadores.