CRTVG

Buscar

A policía atribúe a orixe do incendio de Monforte a "tarefas agrícolas"

Publicado o 13/09/2019 08:07

• Recolleron mostras na leira onde comezaron as lapas para determinar se o lume foi accidental ou intencionado

• Eleva a 706 as hectáreas queimadas no maior incendio do verán

Un incendio na Estrada obriga a cortar a N-525

A Policía Nacional conclúe que o recente incendio en Monforte de Lemos (Lugo), que obrigou a desaloxar vivendas, orixinouse nunha leira da parroquia de Baamorto, no lugar de Cinsa, en que "se estaban realizando labores agrícolas momentos antes" do inicio do lume, que despois se propagou a zona boscosa. Ademais, nun comunicado, a policía eleva a superficie arrasada neste incendio a 706 hectáreas, fronte ás 465 hectáreas das que informou a Xunta tras a súa extinción o pasado 9 de setembro.  

Cos datos achegados este mércores, o de Lemos convértese no segundo grande incendio forestal do ano, ao superar as 500 hectáreas, xa que o anterior tivo lugar en Rianxo e Dodro na primavera.   Sobre a investigación, sinala que o Grupo Local de Policía Xudicial da comisaría de Monforte tomou declaración nos últimos días a varias persoas relacionadas co incendio. Así, a Policía Científica fixo unha inspección ocular no terreo susceptible de ser a orixe de incendio, coa toma de vestixios pendentes da súa análise.

Agora estase á espera da Unidade Central de Análise Científica "co que se poderá establecer se se tratou dunha imprudencia ou intencionado". De tal forma, a investigación por parte da comisaría de Monforte segue aberta. O atestado foi remitido ao xulgado de instrución en funcións de garda número uno de Lemos. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/09/2019

Máis sobre monforte de lemos