CRTVG

Buscar

O Madrid tropeza no Bernabéu

Publicado o 25/08/2019 12:44



Laiábase Zidane porque ao seu equipo custoulle un mundo marcar un gol. 82 minutos. E co máis complicado feito, non foi quen de gañar un partido no que os madridistas querían darlle continuidade ao triunfo da primeira xornada en Balaídos. Cun once inicial impensable hai unhas semanas cando se falaba dunha revolución total, con Bale, James ou Isco, o Madrid gozou da posesión e foi moi superior no primeiro tempo. Pero non concretou as súas oportunidades. Unha tras outra foron desperdiciadas ante un Valladolid que nunca se descompuso. Tivo paciencia e agardou a que chegara o seu momento.

Na segunda metade, Zidane buscou máis verticalidade. Entraron Vinicius e Jovic, e o serbio estivo a piques de marcar no primeiro balón que tocou. O ferro evitou o gol. Pero a esas alturas o Valladolid xa comezaba a estirarse e lograba crear perigo na portería de Courtois. E xusto cando peor pintaba para os brancos, apareceu Karim Benzema para amosar a súa tremenda clase e lograr o tanto que parecía que ía finiquitar o encontro. Todo un golazo. Pero os de Zidane non dominaron ese outro fútbol do que falaba o técnico francés e un balón perdido por Kroos acabou no gol do empate. No minuto 88, sen tempo para máis, o Valladolid facíase cun punto no Bernabéu. Guardiola, cousas do fútbol, amargou a tarde ao Real Madrid.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/08/2019