CRTVG

Buscar

O macrofestival santiagués abre a temporada de citas musicais do verán galego

Publicado o 13/06/2019 16:54

Os festivais de música galegos xa quentan motores. A temporada arranca con O Son do Camiño, pero é só a primeira das moitas citas musicais que durante o verán se celebran por todo o territorio galego, e que nalgúns casos son tamén un revulsivo económico e turístico.

84.000 asistentes e máis de 12 millóns de euros de retorno económico para Galicia. Son as cifras que deixou O Son do Camiño o ano pasado na nosa comunidade, segundo a Xunta, que para a edición deste ano destina 2,5 millóns. Cun cartel este ano no que destacan Rosalía, Black Eyed Peas, David Gueta ou Iggi Pop, entre outros, o compostelán pretende converterse nun macrofestival á altura doutros referentes da Península como o Primavera Sound, o Mad Cool, o BBK Live ou FIB.

Outra das citas imprescindibles e xa consolidada é o Resurrection Fest, que segundo un estudo impulsado polo Goberno autonómico deixou un impacto económico en Galicia superior aos 8,5 millóns de euros na súa anterior edición. Máis da metade dos asistentes procedía de fóra de Galicia. O de Viveiro é un dos festivais que se celebran na comunidade baixo a marca FEST Galicia, que naceu co obxectivo de promover o territorio galego como destino musical de calidade. Inclúense aí tamén outras citas destacadas do verán como o PortAmérica, o Sinsal e o Atlantic Fest, entre outros.

A axenda de festivais en Galicia é cada vez máis ampla, e nela inclúense estilos moi variados, desde música rock ou indie ata electrónica e heavy. Eventos que en ocasións disparan a ocupación hoteleira das cidades nas que se sitúan, como é o caso do Son do Camiño, que segundo as previsións este ano eleva a ocupación por riba do 90 por cento. Citas culturas coa música como protagonista, que emerxen como posibles ferramentas de desenvolvemento económico, turístico e cultural.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/06/2019