CRTVG

Buscar

O luns comeza en toda Galicia a vacinación dos maiores de 80 anos

Publicado o 20/02/2021 13:47

Sanidade ten todo preparado para comezar este luns coa vacinación dos maiores de 80 anos. A proba piloto realizada o venres na área de Santiago demostrou que o proxectado sobre o papel era o axeitado e só se precisan pequenos axustes.

Carmen Durán, directora de Saúde Pública: "A poboación máis castigada, a poboación máis vulnerable é a poboación maior e evidentemente viron a vacina como a vimos todos, como unha gran ventá de esperanza".

O Sergas confía en recibir esta semana 28.000 doses de Pfizer e poder vacinar cada día ao redor de 4.000 persoas. As que non poden desprazarse terán que agardar uns días, ata coñeceren os resultados dun estudo que debe aprobar a axencia española do medicamento para que se permita transportar o antíxeno nunha neveira.

Carmen Durán, directoral de Saúde Pública: "Que parece ser que isto nos daría unha marxe de seis horas, é dicir, que poderiamos ter en neveira seis doses, xa cargadas en xeringa ou en vial durante seis horas e iso si que nos permitiría desprazarnos ao domicilio do paciente".

Desde Sanidade insisten en que ninguén vai quedar sen vacinar. Os equipos de vacinación chamarán as veces que faga falta. Na área sanitaria de Ourense poden contactar cada día con 800 persoas, as mesmas que despois serán atendidas polas 24 enfermeiras que traballan nesta zona.

Julio Fernández, coordinador do equipo de citación da área sanitaria de Ourense: "Entonces é moi dificil que poida quedar alguén sen contactar. Vale, unicamente que non dispoña de teléfono móbil. Iso si, é importante que acuda ao centro de saúde e o actualice".

Verónica Cibeira Enfermeira: "Hai días que imos a centros que teñen máis capacidade estrutural e temos máis vacinas e outros días son máis pequenos e temos menos, entón entre 800 e 1.000, si".

O proceso rematará a principios de maio. Despois será o momento dos maiores de 70 anos.

Noticias web

20/02/2021