CRTVG

Buscar

O luns abren os centros comerciais, as piscinas e os restaurantes

Publicado o 23/05/2020 15:40

Na fase 2 retómanse as visitas aos centros de maiores e persoas con discapacidade. Serán con cita previa e restrinxidas a un familiar por residente. Permítese a libre circulación pola provincia en grupos de ata quince persoas de distintas procedencias, e os congresos e conferencias con público limitado.

Ábrese a porta á celebración de vodas e amplíase a 25 persoas a asistencia a velorios. Ademais, os lugares de culto xa funcionan ao 50% da súa capacidade. No canto á actividade física, só se manteñen as franxas horarias para as persoas maiores de 70 anos.

O comercio retallista gaña clientela e as feiras xa poden montar un terzo dos postos. Pero a principal novidade é a apertura dos centros comerciais cun 30% de ocupación e as zonas recreativas pechadas.

Os hoteis recuperan as zonas comúns e os bares e restaurantes, o consumo no interior dos establecementos. Neste caso, non se pode superar o 40% da capacidade total. Iso si, os locais nocturnos seguen pechados.

No eido cultural, abren cun terzo da súa ocupación os cines, os teatros e as salas de exposicións. Ademais, retómanse as visitas aos monumentos coas mesmas restricións.

E coincidindo coa chegada da calor, autorízase o uso das piscinas recreativas con cita previa e ata o 30% da súa capacidade. Tamén o desprazamento ás praias da provincia sempre que se cumpra o distanciamento social. En ambos os dous casos, non se poden usar nin as duchas nin as fontes.

Noticias web

23/05/2020