CRTVG

Buscar

O lume queima por completo unha casa en Rairiz de Veiga

Publicado o 23/01/2019 13:57

O incendio comezou contra as seis da mañá, os donos espertaron polo estralo das tellas e as lapas xa invadían toda a casa. Tiveron que escapar co posto por unha ventá da parte traseira.

Todo aconteceu moi rápido, e as lapas alertaron a todos os veciños desta pequena aldea de Quilmelas, en Rairiz de Veiga. Cando chegaron os bombeiros de Xinzo de Limia, o lume calcinara toda a casa de madeira e o teito e o primeiro andar derrubáronse. Non puideron salvar nada do interior.

Entre os veciños e os bombeiros conseguiron evitar que o lume pasase á casa lindeira. Máis de tres horas estiveron traballando ata que quedou extinguido.

Os donos, que viven en Vigo, viñeran de casualidade onte para pasar a noite nesta vivenda familiar. Din que non saben como comezou o incendio, porque aseguran que non tiñan nada aceso. A Garda Civil investiga agora a orixe do lume.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/01/2019