CRTVG

Buscar

O lume destrúe unha casa vella de Limiñón, no concello de Abegondo

Publicado o 18/08/2020 13:52

Susto esta madrugada en Abegondo. Alí un incendio destruíu unha vivenda e os trebellos que contiña na parroquia de Limiñón. A casa estaba entre outras dúas habitadas, pero o lume non ocasionou danos persoais.

O lume nunha casa do Cal sobresaltou o comezo deste martes na parroquia de Limiñón, en Abegondo. O que ardía está parede con parede entre dúas vivendas que si están habitadas.

Foi o residente dunha destas casas quen minutos antes das sete deu a alerta do que pasaba, segundo nos conta María del Carmen: "Cando se levantou o meu fillo e a miña nora sentiron uns estalos e daquela saíu e viu que fumeaba ata enriba e pasaba do noso tellado. Colleu unha mangueira e púxose a apagar, pero antes foi avisalos a eles que andaba o lume aí. E estivo apagando mentres non viñeron os bombeiros".

Ao sinistro acudiron os bombeiros do parque de Betanzos con tres camións. Ás dez da mañá, co incendio extinguido, seguían a arrefríar o que quedaba do inmoble.

Alfonso Nieto, cabo de garda, explica que se trata dunha vivenda antiga e que ardeu na súa totalidade.

"Non hai danos persoais que é o que importa e polo demais, quedou toda destruída, por desgraza", asegura.

Descoñécese que foi o que orixinou o incendio.

 

Noticias web

18/08/2020