CRTVG

Buscar

O lume destrúe parte dun alpendre nunha parroquia de Monforte

Publicado o 11/01/2019 13:22

Así quedou este alpendre da parroquia de Chao do Fabeiro, en Monforte, despois do incendio que se declarou no seu interior. As lapas espalláronse rapidamente polo inmoble e chegaron ata este habitáculo onde se atopaban dous tanques de gasoleo para calefacción.

Por fortuna, ambos estaban case baleiros e só había no seu interior uns douscentos litros de combustible que non causaron maiores complicacións. Os bombeiros chegaron axiña, de xeito que puideron controlar o lume con prontitude. Iso si, foi preciso utilizar 6.000 litros de auga.

A rapidez dos bombeiros foi decisiva para evitar males maiores. Moi preto do alpendre hai pacas de palla que poderían arder con facilidade se algunha faisca prendese nelas. Ademais, a estrutura de madeira do inmoble tamén poderia servir como combustible para o lume. Os donos do alpendre non viven na casa lindeira, que está deshabitada, como boa parte do lugar, e só se utiliza como almacén de apeiros e doutros obxectos. Os animais da granxa lindeira tampouco se viron afectados polo lume.

Ademais dos bombeiros de Monforte, nos labores de extinción tamén participou unha carroceta antiincendios da Xunta. Todo apunta a que o incendio se debeu a un curtocircuíto.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/01/2019