CRTVG

Buscar

O lume destrúe parte do alimento dunha gandería de Cerceda

Publicado o 28/08/2020 13:34

A primeira hora da mañá bombeiros e tractoristas traballaban sen parar para acabar de sufocar o incendio nunhas instalacións gandeiras de Mixón, no concello de Cerceda. Levaban en acción toda a noite. Desde que ás dúas mañá unha veciña que volvía de traballar alertou de que había lume na nave de almacenaxe de herba picada. Desprazáronse ao lugar efectivos do parque de Ordes e puxéronse en marcha veciños que con ata cinco máquinas, cooperaron no control do sinistro.

José Luis Pareja, cabo do Parque de Bombeiros de Ordes di que "hai que salientar moitísimo a grande axuda que fixeron os veciños e a achega que tiveron con máquinas, con tractores para poder mover o material, porque a extinción fíxose polo procedemento de desalimentación: retirar o combustible para evitar que o incendio siga propagándose. Son labores moi pesadas, lentas e en que a progresión do traballo non se ve reflectido de xeito proporcional ao esforzo da xente que se implica".

O lume, o fume e a auga estragaron boa parte da provisión de herba destinada a alimento desta gandería. Con certeza total aínda no se sabe como se orixinou o lume pero todo apunta nunha dirección.

José Luis Pareja di: "Descoñecemos as causas polas que prendeu o lume, pero sospeitamos que foi resultado dunha combustión interna froito do proceso de almacenamento e, ao mellor, algo de humidade ou... é algo que descoñecemos. E o que si podemos dicir é que a explotación tiña unhas condicións de almacenamento óptimas, aparentemente todo moi ben compartimentado, moi ben seccionado e, aínda así, a mala sorte fai que estas cousas acontezan".

Arredor das dez da mañá e despois de oito horas de traballo duro, os particulares paraban as máquinas empregadas na retirada da herba e os bombeiros regresaban á súa base en Ordes.

Noticias web

28/08/2020