CRTVG

Buscar

O lume destrúe o tellado e o faiado dunha vivenda de Monforte

Publicado o 14/01/2020 14:46

Un curtocircuíto ou a mala combustión dunha cheminea semellan ser as posibles causas do incendio que desfixo o tellado e o faiado desta vivenda do barrio de Gullade, nas aforas de Monforte. As lapas comezaron nunha beira do inmoble e en pouco tempo espalláronse pola parte superior, que tiña estrutura de madeira recuberta de verniz, o que acelerou a combustión.

Os donos da casa utilizaron unha mangueira para tentar sufocar as lapas e grazas a iso conseguiron frear o lume ata a chegada dos bombeiros.

"Non sabemos como empezou o lume pero parece que foi na zona da cheminea. Primeiro tentámolo nós e despois xa se encargaron os bombeiros. Botaron catro cisternas de auga".

O forte vento fixo moi complicados os labores de extinción pero conseguiuron evitar que as lapas chegaran aos andares inferiores do inmoble. Os bombeiros de Monforte permaneceron varias horas no lugar para evitar que o lume reavivara e para arrefriar a zona. Cando comezou o incendio, o matrimonio de septuaxenarios que reside na casa estaba acompañado do seu neto cativo. Por sorte, actuaron coa suficiente cautela e non houbo ningún dano persoal.

"O aire forte avivou o lume. Foi complicado para os bombeiros porque o aire levaba o lume cara a eles. Dentro do malo, polo menos non houbo danos persoais".

Agora os propietarios van colocar unhas lonas protectoras no tellado para que non lles chova no interior da casa mentres se recuperan do susto e organizan os traballos de reconstrución. Precisamente o uso de materiais ignífugos no resto da vivenda contribuíu a frear o lume.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/01/2020

Máis sobre Monforte de Lemos