O lume calcina unha vivenda en Pantón
Un incendio de grandes dimensións puxo en alerta os veciños do lugar da Vila, en Pantón. Ardía unha casa e corrían perigo as outras dúas vivendas coas que estaba unida.
"Cando chegamos xa vimos que era a casa máis afectada e ao pouco tempo colapsou o teito e o piso do medio. As outras dúas casas, por encima da parede medianeira pasan vigas dunhas casas a outras, e iso ardeu completamente. Tivemos sorte que o paramos a tempo, se non ardían as outras dúas completas tamén. Ao ser casas de madeira todas vernizadas, o lume pasa dunhas a outras moi rápido", explica Tomás Losada, sarxento dos bombeiros de Monforte.
Cando se iniciou o incendio había no interior da vivenda dúas persoas, unha octoxenaria, que é a propietaria da casa, e a súa coidadora, que puideron saír a tempo sen sufrir danos persoais. Agora investíganse as causas do lume e unha das hipóteses é que se puido iniciar nunha manta eléctrica.
"Déronse conta e puideron saír. A señora non quería saír e dicíalle á chica que o lume o apagaban elas, pero que va... tivo que sacala a rastro do cuarto e levouna a miña irmá para a casa dela. É maior, oitenta e tanto anos longos xa. O que eu non comprendo é que teñen estufa de leña, teñen calefacción, como puxeron a manta eléctrica, porque dise que foi coa manta eléctrica", sinala unha veciña da zona.
A dona da vivenda adoitaba pasar aquí só o verán, pero desta volta quedou máis tempo evitando regresar a Madrid. Agora ela e a súa coidadora foron acollidas na casa dunha veciña.