O lume arrasa 150 hectáreas forestais en Mondariz
• Comezou en tres focos diferentes e a Xunta cre que foi intencionado
• O incendio está estabilizado e os veciños volveron ás vivendas
Máis de 150 hectáreas van xa arrasadas no incendio forestal que onte á tarde se iniciou no concello pontevedrés de Mondariz. Ao parecer, o lume comezou en tres focos diferentes e chegou a poñer en perigo varias aldeas.
O lume aínda está estabilizado e arestora só arde monte. Onte á tardiña chegou a decretarse a situación dúas de risco para a poboación pola súa proximidade ás casas. De feito, máis de 60 veciños que foron desaloxados das súas vivendas, por prevención, para evitar a inhalación de fume e moitos deles xa foron regresando ás súas vivendas. As parroquias afectadas polo lume son as de Sabaxáns e Gargamala, en concreto, o lugar de Barro e de Barral.
Foi unha tarde moi longa, de nervios e medo, para os veciños de varias parroquias de Mondariz que vían como o lume que se iniciaba pasadas as seis no monte que separa as parroquias de Sabaxáns e Gargamala avanzaba imparable cara ás casas, o que obrigou a Medio Rural a decretar a situación dúas como medida preventiva e desaloxar máis de medio cento de veciños.
Con todo, contra a noitiña desactivábase a situación dúas ao afastarse o lume das casas, aínda que seguía sen control, segundo informaba o conselleiro do Medio Rural desde a parroquia de Gargamala.
O forte vento foi e está sendo un dos elementos que dificulta o control e a extinción do lume, no que ata a caída da noite chegaron a traballar ata dez helicópteros.
A Xunta cre que o incendio de Mondariz foi intencionado
O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, deu por descontado que o incendio declarado na tarde deste domingo en Mondariz foi intencionado. Rueda, quen se desprazou á zona para seguir en persoa a evolución dos labores de extinción, indicou que a situación actual é "moito mellor" ca a que obrigou a desaloxar preto dunha decena de vivendas e que debuxaba un panorama "moi preocupante".
Ao preguntarlle por se detrás deste incendio se adiviña a man do home, indicou que "cada vez o temos máis claro", dadas as circunstancias, e engadiu: "Por desgraza, estamos afeitos a estas situacións". "Non é ningunha casualidade. En canto empeza a levantar o vento, de súpeto aparecen incendios con varios focos, e -os presuntos incendiarios- saben que en pouco tempo vai ir a luz e os avións non van poder voar", relatou.