CRTVG

Buscar

O Lugo saca o máximo beneficio ante o Raio

Publicado o 03/11/2019 20:34

Cristian Herrera dalle a vitoria co seu sexto gol da temporada

O Lugo amosoulle ao Raio que o fútbol non entende de números nin de estatísticas. Ás veces, nin sequera de xogo.

Os vallecanos superaron os lucenses en todos os aspectos: en ocasións, en remates, en disparos a porta, en saques de esquina, en posesión..., en todo menos no resultado.

No primeiro tempo, Cantero arruinoulle a tarde a Embarba ata deterlle un penalti co que foi castigado Campabadal por derrubar a Alvaro García.

O lanzamento do mellor asistente de Segunda adiviñouno o meta lugués, quen previamente xa lle detivera un lanzamento de falta. Cinco veces dispararon a porta os do Raio nesta primeira metade ante un Lugo que apenas se achegou á area de Dmitrievski.

Tras o descanso, Eloy deu entrada a Valentín por Campabadal e o primeiro balón que tocou a piques estivo de aproveitalo Rahmani na primeira oportunidade lucense no encontro.

Con todo, vinte e dous minutos despois caeu lesionado tentando frear unha contra vallecana.

No seu lugar entrou Iriome reconvertido en lateral por esixencias do guión. A súa entrada resultou providencial, xa que un minuto despois o Lugo marcaba o gol da vitoria.

Foi tras unha recuperación do debutante Djaló, Pita combina con Rahmani e o pase do franco-alxerino aproveitao Cristian Herrera para marcar o seu sexto tanto da temporada.

O canario recibe en posición correcta e supera a Dmitrevski.

A partir de aquí o encontro entrou nuns ida e volta, con máis idas madrileñas que voltas lucenses que, aínda así, dispuxeron doutra boa ocasión nesta cabezada de Manu Barreiro.

A ineficacia ofensiva dos de Paco tivo o seu epílogo no último minuto cando Andrés Martín estrelou unha pelota no poste no vixésimo primeiro remate vallecano no partido.

O Lugo non entende de matemáticas, pero si de economía. De feito, ante o Raio aplicou a súa teoría de mínimo investimento, máxima rendibilidade.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/11/2019