CRTVG

Buscar

O Lugo non puido cun Mallorca que decidiu de penalti

Publicado o 11/10/2020 15:19

A derrota do Lugo chegou de penalti como puido facelo por outra vía. Porque o Mallorca xestionou o encontro, controlou o xogo e dispuxo da maior parte das oportunidades.

Juanfran introduciu varios trocos na aliñanción inicial. Os máis importantes, ademais da volta á titularidade de Cristian Herrera e Manu Barreiro, foron os de Valentín como lateral dereito no lugar de Campabadal e Carlos Pita, que viña dunha lesión, coma central no lugar de Djalo.

Por aí viñeron os problemas no primeiro tempo. Bryan Oliván e Cufré castigaron a banda de Valentín e os baleares dispuxeron de cinco ocasións para marcar, a máis clara esta de Murilo detida por Cantero. Neste primeiro tempo, o Lugo non rematou a porta unha soa vez e apenas se achegou á area de Reina.

Tras o descanso, o partido mantivo as mesmas constantes. Control e dominio do Mallorca ante un Lugo que agardaba a súa oportunidade.

Pero este penalti por man de Pita, sinalado tres minutos despois de producirse tras a revisión no VAR, permitiulle adiantarse ao Mallorca grazas ao acerto de Salva Sevilla.

Inmediatamente despois, Sastre puido facer o segundo.

O troco de Campabadal por Borja Domínguez co conseguinte adiantamento de Valentín fixo reaccionar o Lugo, que dispuxo de tres oportunidades en seis minutos para igualar o partido, pero nin Herrera, nin o Puma Rodríguez nin Manu Barreiro estiveron acertados.

A expulsión de Xavi Torres por dous cartóns amarelos en catro minutos acabaron coas esperanzas lucenses e reanimaron o Mallorca, que puido pechar o encontro nun disparo do betanceiro Dani Rodríguez. A expulsión final de Pita, tamén por dobre cartón amarelo, culminaba un mal día na oficina.

Noticias web

11/10/2020