O Lugo e o Oviedo xogan o seu cuarto amigable da pretemporada
O Club Deportivo Lugo xogou ante o Oviedo o seu cuarto amigable de pretemporada. Foi na Mariña, no Torneo Villa de Foz. O partido decidiuse no último lanzamento da quenda de penaltis. Ibra tirou raso e Varo detivo. O Lugo quedou co trofeo.
Lugo e Oviedo disputaron a trixésimo primeira edición do Trofeo Villa de Foz. Un amigable en que os dous equipos medían forzas ante un rival da mesma categoría.
Na primeira parte, os de Eloy Jiménez dominaron o balón e aos seis minutos gozaron da primeira ocasión cun disparo de Manu Barreiro que marchou por pouco.
O partido ía medrando en intensidade e unha falta sacada con rapidez dá orixe ao gol do Lugo. Centro desde a dereita de Calderón e Tete adiántase ao defensa chegando desde atrás.
Acabada de empezar a segunda parte, empatou o Oviedo. Falta lateral, Christian deixa de cabeza para que Obeng fusile a Varo.
A igualada no marcador e no xogo mantívose ata o final a pesar de que os ovetenses tiveron algunha oportunidade máis.
O 24 de agosto os dous equipos volveranse enfrontar, xa na segunda xornada da liga 123.