CRTVG

Buscar

O Lugo destitúe a Eloy Jiménez

Publicado o 26/12/2019 19:47

O Consello de Administración do Lugo decidiu destituir a Eloy Jiménez, segundo informou o club nun breve comunicado a través das súas redes sociais. A decisión tomárona pola traxectoria do equipo na primeira volta e "coa vontade de reconducir a situación"

A etapa de Eloy Jiménez chega á súa fin e non se pode falar de sorpresa. O técnico manchego xa o parecía agardar na súa última comparecencia. O sábado pasado logo de empatar co Málaga preguntábanlle pola súa continuidade e respondía así: "Non penso niso só penso nos meus xogadores, en traballar cada día e os adestradores vivimos de resultados. Que fagan o que teñan que facer e se non están contentos pois xa saben o que hai".

Jiménez chegou ao Lugo a falta de 7 xornadas para que rematase a temporada pasada e co obxectivo de salvar un equipo que ía camiño da segunda B. A base de solidez defensiva conseguiu a salvación pero a renovación non foi inmediata. O club transmitiu dúbidas dende o comezo. O xa exadestrador deixa o Lugo fóra dos postos de descenso, con 22 puntos. Pero, como sinala Manu Barreiro: "Fixemos non sei se poucos puntos, agora mesmo chegarían para a permanencia pero 22, se lle pós outros 22 creo que non chegarían para manter a categoría e coido que hai que ser autocríticos e mellorar esta primeira volta que fixemos".

Con esa intención o Lugo destitúe a Eloy e busca xa un substituto

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí