CRTVG

Buscar

O Lugo despídese co decimo sétimo empate da temporada

Publicado o 09/06/2019 21:44

Os lucenses baten, ademais, o seu rexistro de imbatibilidade en segunda

O Lugo remata a temporada cando mellores resultados estaba a conseguir. En Tarragona sumou o decimo sétimo empate da temporada, que supón, ademais, a súa sexta xornada sen perder.
Os dez puntos logrados nesta xeira situaríano nunha hipotética sexta praza, que lle permitiría xogar a eliminatoria.

Nun partido de despedidas, o Lugo presentou unha aliñación inédita, con catro ex-nastiquistas no equipo inicial, ao que se sumou un quinto como Manu Barreiro.

O máis destacado foi, precisamente, un tarraconense, o meta Alberto Varo que salvou ao seu equipo da derrota e que o reforza de cara ao futuro, xa que todo apunta a que Juan Carlos non seguirá no equipo.

E alí onde non chegou Varo, o Nástic tropezou co poste como neste disparo de Montero na segunda metade. 

Con todo, foi o Lugo o que se adiantou no marcador por medio de Cristian Herrera quen logrou o seu décimo tanto da temporada. Un Cristian Herrera ao que todolos rumores o sitúan nas Palmas a vindeira campaña.

O canario apenas tivo tempo para celebralo, xa que, un minuto despois, Uche lograba a igualada. Un tanto moi protestado polos lucenses que entendían que Uche arrancara en posición antirregulamentaria.

O Nástic pechaba deste xeito unha triste temporada co descenso de categoría, mentres os lucenses se despedían coa satisfacción do deber cumprido. 

Noticias web

09/06/2019