CRTVG

Buscar

Telexornal Serán FDS

O lucense Manuel Corral Vide, un dos maiores embaixadores gastronómicos na Arxentina

Publicado o 19/03/2017 21:31
Un lucense é o responsable de levar a gastronomía galega ao podio arxentino grazas ás súas coidadas receitas e ao seu intenso labor de difusión como xornalista e escritor de renome no país austral.
Coñecemos un pouco mellor a Manuel Corral Vide.


Galicia ten na Arxentina un dos seus maiores embaixadores gastronómicos. Xornalista, escritor poeta e cociñeiro, Manuel Corral Vide leva máis de 20 anos traballando a prol de situala cociña galega de autor no lugar que lle corresponde no mundo.

Nada máis pisar Bos Aires, este lucense que leva entre fogóns dende cativo, veuse sorprendido de que, coa cantidade de galegos que residían na capital riopratense, a cociña galega non tivera un lugar preponderante.
E púxose mans á obra para solucionalo baixo a firma de restaurantes 'Morriña'.

Manuel Corral Vide - Embaixador da gastronomía galega en Bos Aires
"Fálase de cociña galega nestes momentos dándolle moita máis importancia que fai duas décadas".

Síntese orgulloso de ser considerado un referente e de que a gastronomía galega sexa ao fin recoñecida.

Manuel Corral Vide - Embaixador da gastronomía galega en Bos Aires
"O porteño en xeral ve unha gastronomía moi creativa, moi contundente con sabores onde predomina o insumo orixinal, sen enmascaramentos. Son todos eloxios para a cociña galega".

Autor de nove libros, no seu derradeiro título "A fin da cocina", Corral Vide fai unha crítica aguda da industria alimentaria actual que aparta á xente dun costume sagrado para os galegos: a sobremesa.

A 10.000 kilómetros de distancia, a tarefa non é sinxela, pero este polifacético cociñeiro é optimista.

Manuel Corral Vide - Embaixador da gastronomía galega en Bos Aires
"Moitos pensan que o que da a nacionalidade a un plato é o producto, o ingrediente. os que andamos polo mundo chegamos a outra conclusión, o que lle da a identidade é o xeito, o modo de facer o prato".

A súa próxima aventura será levar os seus pratos típicos a cada recuncho da Arxentina a bordo dun tráiler.

E non esquece o seu soño: ter unha escola de cociña galega en Bos Aires, xa que para Corral Vide hai un gran mercado, incluso para as empresas galegas que queiran exportar producto cara a Galicia que latexa á outra beira do Atlántico.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí