CRTVG

Buscar

Bos días

O 'Luar' da TVG, un programa de referencia dos galegos na Arxentina

Publicado o 19/02/2016 09:47

Esta casa, a Televisión de Galicia, é para moitos galegos residentes no exterior un vínculo directo coas súas raíces.

Estivemos en Bos Aires con algúns dos telespectadores que seguen fielmente esta canle para coñecer a súa opinión sobre os contidos e, entre outras cousas, descubrimos que Xosé Ramón Gayoso e o 'Luar' continúa a namorar o público, tamén no exterior.

Algo tan sinxelo coma un televisor pode unir dúas patrias.
A edición americana da Televisión de Galicia é a canle pola que moitos galegos se achegan un pouco máis á terra, pero tamén moitos arxentinos que ven neste medio un xeito de coñecer a actualidade do outro lado do océano.

Mentres Milagros cociña na súa casa das aforas de Bos Aires non lle quita ollo á Televisión de Galicia.

Un xeito de estar ao tanto do que ocorre na nosa comunidade, onde agora reside o seu fillo.

"Cando son programas en directo chamo por teléfono para dicirlle que está moi ben e cando é Luar ata voto polos recanteiros".

Para Maricarmen o mellor da Galega é poder compartila.

"Teño a Milagros, que nos falamos por teléfono: mira tal cousa que está pasando, tal outra e aí poñémonos de acordo e gozámolo xuntas desde a distancia".

Carlos é arxentino e escolle esta casa e o seu informativo para achegarse á actualidade dende outro punto de vista.

"Os informativos teñen unha gran particularidade; dan noticias. Parece mentira, pero para A Arxentina iso é importantísimo. E é que aquí os informativos non dan noticias; as noticias van metidas entre un montón de cousas".

Entre os programas de máis éxito na Arxentina destacan Bamboleo, Alalá ou Vaia Troula, pero o carisma de Xosé Ramón Gayoso fai que, novamente, o Luar se coroe como o preferido tamén no exterior.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Bos días

19/02/2016