CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Mediodía

O lobo mata varias cabezas de gando nunha explotación de Friol

Publicado o 22/02/2018 14:20

Trátase xa do oitavo ataque por parte dos lobos que sofren as reses da mesma granxa nos últimos catro meses. O lobo matou varias cabezas de gando en Friol. Unha vaca preñada e un becerro nado a véspera apareceron comestos nos terreos dunha explotación.

Unha vaca preñada e un becerro acabado de nacer son os dous últimos animais que matou o lobo nesta granxa de Carballo, en Friol. As reses apareceron comestas nos terreos da explotación, onde xa se produciron oito ataques dende o mes de outubro. En total, os lobos mataron unha decena de cabezas de gando nestes catro meses. Pero anteriormente xa se rexistraran aínda máis ataques.

As perdas polo último ataque superan os 1.200 euros, ao que que hai que engadir todas as reses perdidas nos últimos meses. Ao cabo, son miles de euros que a propietaria da explotación deixa de percibir por mor dos lobos. Insta, por tanto, á administración a que se ocupe de dispoñer comedeiros para que se alimenten os animais salvaxes e deixen de atacar o gando.

En activo dende hai trinta anos, esta explotación de vacún de Friol ten un cento de cabezas de rubia galega.