CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Mediodía

O lobo mata tres ovellas en Xermade

Publicado o 18/11/2013 14:08



Aínda está espallada pola herba a lá das ovellas que mataron os lobos nunha leira de Roupar de Abaixo, en Xermade. Os donos amósanse moi preocupados xa que o ataque se produciu a plena luz do día, no medio das vivendas e a escasos metros da estrada Vilalba-Ferrol. O peche da finca non detivo as feras que o saltaron sen dificultade, causando a morte de dúas ovellas e un año e deixando feridos outros cinco animais. En total as perdas andan preto dos cincocentos euros xa que as ovellas mortas estaban preñadas. Tampouco se desbota que nas vindeiras horas faleza algunha outra por causa das feridas.

Os afectados insisten en que nesta parte de Xermade nunca houbera lobos pero que nos últimos meses os ataques son constantes de xeito que ningún gando pode durmir fóra dos cortellos. Polo de agora xa presentaron denuncia na Garda Civil para que se tome algunha medida de defensa aínda que non teñen moitas esperanzas de que sirva para nada. Tamén reclaman que se lles paguen as correspondentes indemnizacións pola perda dos animais. Agora mesmo, non poden levar as ovellas ao prado nin sequera sacalas do cortello.

Xesús lembra que as ovellas e vacas manteñen limpas de maleza as leiras e montes polo que reclama máis protección fronte ao lobo.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí