CRTVG

Buscar

O lobo mariño Luís está máis preto de volver ao mar, o seu hábitat natural

Publicado o 08/03/2018 14:20

Case un mes despois de que fose rescatado en Muxía, hoxe o lobo mariño Luís foi trasladado ao Instituto Galego de Formación en Acuicultura, na Illa de Arousa, como paso previo a ser devolto ao mar en augas do Gran Sol.

A coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños, CEMMA, fíxose cargo de Luís, nome que lle puxeron a este lobo mariño macho hai tres semanas. Daquela, un particular alertou a Protección Civil de Muxía que o recolleu no porto e os colaboradores da coordinadora trasladárono ata o centro que teñen en Nigrán. 

Durante este tempo na UCI de lobos mariños do establecemento veterinario, Luís recuperou a forza superando uns parasitos intestinais. De 28 quilos de peso e uns 5 meses de idade, este exemplar é un máis do case medio cento que o CEMMA rescatou nas costas galegas este inverno e xunto a foca Guardesiña os únicos sobreviventes. 

Agora agarda nas instalacións do Instituto Galego de Formación en Acuicultura, na Illa de Arousa, e dentro de 15 días un pesqueiro o trasladará ata augas do Gran Sol onde se lle devolverá a liberdade.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/03/2018