CRTVG

Buscar

O líder opositor ruso Navalni, presuntamente envelenado, loita pola súa vida nun hospital siberiano

Publicado o 20/08/2020 23:17
O líder opositor ruso Navalni, presuntamente envelenado, loita pola súa vida nun hospital siberiano

O líder opositor ruso Alexéi Navalni, presuntamente envelenado, loita pola súa vida na unidade de coidados intensivos da cidade siberiana de Omsk, onde ingresou hoxe despois de que o avión en que se dirixía a Moscova aterrase de emerxencia no aeroporto local debido á gravidade do seu estado.

"Supoñemos que Alexéi foi envelenado con algo mesturado co té. Era o único que bebía pola mañá. Os médicos din que a toxina se absorbeu máis rápido a través do líquido quente", escribiu en Twitter a portavoz do político, Kira Yarmysh, que o acompañaba nunha viaxe de traballo a Siberia. Segundo un comunicado da compañía aérea S7, a quen pertence o avión en que viaxaba o opositor, este non consumiu alimentos nin bebidas a bordo.

Yarmysh lembrou que hai un ano, cando se atopaba recluído nun centro de detención, Navalni "foi envelenado", para engadir: "Obviamente, agora fixéronlle o mesmo". Nesa ocasión o diagnóstico oficial foi "alerxia", o que foi posto en dúbida polos médicos de Navalni e os correlixionarios do político, quen coas súas denuncias de corrupción entre altos cargos e na contorna de presidente Vladímir Putin, se converteu no azoute do Kremlin.

"Canallas, bestas. Outra vez 'alerxia'", escribiu en Twitter Anastasía Vasílieva, líder do sindicato Alianza de Médicos, que viaxou a Omsk para coñecer de primeira man o estado de Navalni. Segundo Yarmysh, o dirixente opositor atópase inconsciente, en coma e conectado a un respirador.

"Creo que durante o día precisaremos con exactitude o diagnóstico. En todo caso, (a Navalni) estáselle prestando todo o tratamento necesario", dixo o subdirector do Hospital de Urxencias Nº 1 de Omsk, Nikolái Kalinichenko.

Agregou que non hai seguridade de que o estado de Navalni fose provocado por un envelenamento, aínda que este "desde logo, valórase como unha das posibles causas". "Con todo, estúdanse outras causas que poderían provocar este grave cadro clínico. Estamos a traballar", dixo Kalinichenko, quen confirmou que Navalni está inconsciente e conectado a un respirador.

 

Noticias web

20/08/2020