CRTVG

Buscar

O líder de C's en Castela e León aposta por absterse na investidura

Publicado o 25/06/2019 21:34

As augas internas de Ciudadanos seguen revoltas polas discrepancias na estratexia de pactos. 24 horas despois da votación da executiva para levantar o veto a Pedro Sánchez, o líder do partido en Castela e León e un dos catro que votou a favor, facía pública a súa proposta.

"Propoño facerlle unha oferta pública. Non se trata de tolerar un pacto con Bildu. O que propoñemos é facer unha oferta pública que os españois entendan e sobre esa oferta ver se o PSOE é capaz de contestar", di Francisco Igea, o líder de C's en Castela e León.

A dirección de Ciudadanos réstalles relevancia aos críticos.

"Nós non imos cambiar como si fixeron esas catro persoas da Executiva que votaron a favor de maternos no criterio do 'non ao Sanchismo e si a España' e, agora prefiren facer outra cousa. Non vexo ningunha novidade nas palabras do meu compañeiro Paco Igea", aseguraba Inés Arrimadas a voceira de Ciudadanos.

O líder de Ciudadanos en Castela e León non lle quita importancia. Para el, o partido afronta unha crise.

"Esta é unha crise? Si. A adolescencia é unha crise necesaria. É necesario que haxa crises para medrar, é necesario que haxa debate para medrar", afirmaba Francisco Igea, o líder de Ciudadanos en Castela e León.

A cúpula de Ciudadanos nega tal crise, e fala de controversia política.

"Hai unha controversia política sobre se hai que apoiar ou non a Sánchez pero a posición do partido é moi clara. Unha posición decidida por unanimidade no seu momento e ratificada por unha inmensa maioría da Executiva", aseveraba José Manuel Villegas, secretario xeral de Ciudadanos.

Fronte á dimisión de Toni Roldán e a marcha da directiva de Javier Nart, algunhas das fichaxes independentes de Ciudadanos estanse afiliando estes días.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/06/2019