O Liceo xogará en Champions en Alemaña coa sospeita de que Sporting e Forte acorden un empate
Fin de semana europea para o Liceo. Últimas opcións de pasar á eliminatoria de oitavos da Champións. Claro que se o Forte Dei Marmi italiano e o Sporting portugués empatan todo estará decidido. Haberá pacto entre portugueses e italianos?
O Liceo non depende de si mesmo. Quedan dúas xornadas e o primeiro é gañar o sábado ante o Herringen en Alemaña e logo esperar o resultado do outro partido do grupo.
"Iso é culpa nosa, porque non fixemos o noso traballo no seu momento e agora non dependemos de nós de momento", di o liceísta Carlo di Benedetto,
No enfrontamento entre o Forte dei Marmi e o Sporting de Lisboa, en Italia, ao Liceo só lle vale unha vitoria dos portugueses, que de momento lideran o grupo e non coñecen a derrota. Pero o empate válelles aos dous conxuntos, os dous clasificaríanse e deixarían fóra da competición un Liceo que sempre é un rival temible. A sospeita sobre un posible pacto de non agresión sobrevoa o partido.
"Espero que non, que os dous sexan xustos e xoguen para gañar o partido", confía Edu Lamas.
"Penso que os dous equipos van saír gañar porque os dous equipos poñen en xogo ser primeiros de grupo", explica Josep Lamas.
Se o Liceo gaña e o Sporting vence en Italia, os coruñeses xogarían unha final na última xornada ante os italianos en Riazor onde deberían remontar a diferenza de goles para poder clasificarse como segundos.