CRTVG

Buscar

O Liceo, entre os equipos de hóckey que acordaron montar unha competición paralela á Euroliga

Publicado o 27/07/2021 14:57

Portazo dos principais clubs europeos de hóckey á actual Euroliga que organiza a Federación Internacional.

Doce clubs deciden desvincularse da competición, que consideran desfasada, e organizarán unha pola súa conta ao estilo da Euroliga de baloncesto, na que se integrarán todos os grandes de España e Portugal. Entre eles, naturalmente, o Deportivo Liceo. Pretenden darlle un novo pulo, gañar en espectáculo e atraer novos recursos económicos.

Imaxinan un Liceo-Barça, Porto-Liceo ou Liceo-Benfica, por exemplo, cada quince días? Pois iso é o que sucederá a partir de setembro. Os mellores equipos españois e portugueses, integrantes da asociación de clubs europeos, rompen a baralla. Acordaron non se inscribir na actual Euroliga e montar unha competición paralela.

"Cando fas unha competición atractiva atraes a máis público e canta máis xente hai máis marcas comeriais hai. Iso dache máis recursos que logo poder invertir no deporte", di Emilio Fernández, vicepresidente do Liceo.

Están abertos á incorporación doutros clubs e, aínda que manteñen a man tendida a un acordo de última hora, non lle temen a posibles represalias do organismo oficial do hóckey europeo se non se produce.

Para Emilio Fernández: "É un paso que temos que dar con todas as consecuencias e represalias, se non este deporte morre".

En caso de ruptura, xa teñen previsto nomear un comité arbitral e de disciplina propio para comezar a competición en menos de dous meses.

Noticias web

27/07/2021