CRTVG

Buscar

O Congreso debate a reforma do Rexistro Civil que elimina o libro de familia

Publicado o 13/02/2018 08:39

Hoxe, o Congreso debaterá unha proposición de Lei de reforma do Rexistro Civil, para un novo modelo que implantaría un rexistro único para toda España, electrónico e informatizado. Entre outros cambios, anularíase o libro de familia.

"Se se aproba, a proposición da reforma da nova Lei do Rexistro Civil que estaba previsto que entre en vigor para finais de xuño deste ano, dende ese momento, deixarían de expedirse libros de familia novos, pero seguirían funcionando os libros de familia que ata daquela estean en vigor. É dicir, se una parella casa o 30 de xuño de 2018 xa non se lle faría un libro de familia", explica Mari Carmen González Ferro, vicedecana do Colexio de Avogados de Santiago.

Nin a esas parellas, nin ás futuras, nin aos fillos delas, nin a ninguén que naza a partir da posta en vigor da nova lei, se se reforma antes, se lle expedirán novos libros de familia, malia que voluntariamente si poden actualizar os existentes de antes, que seguirían funcionando.

En vez do modelo impreso actual de libros de familia, expedirase, previsiblemente, unha única certificación integral por persoa. A proposta popular de reforma da próxima lei propón a supresión do tradicional sistema de división do Rexistro Civil en seccións: nacementos, matrimonios, defuncións e tutelas e representacions legais, e a creación dun rexistro individual, cunha folla ou extracto cos datos persoais da vida de cada individuo, asignándolle un código persoal, dende a primeira inscrición que se practique.  

E esa certificación única servirá para os trámites xudiciais para os que agora aínda se require o libro de familia e para todos os trámites administrativos, que agora son os máis, que o requiren. Dende para os requirimentos notariais, de escrituras, de xulgados, de tutelas, de administracións municipais, autonómicas... ata calquera trámite que pida certificar nacementos, defuncións, matrimonios, separacións, herdanzas...

"Para todo iso serviranos unha única certificación que reflicitirá todos os acontecementos propios de rexistrar civilmente unha persoa. Deste xeito, evítase a desinformación, a información é máis completa, eficaz, veraz e unificada. Este novo sistema debería ser máis eficiente e máis rápido", di Mari Carmen González Ferro, vicedecana do Colexio de Avogados de Santiago.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/02/2018