CRTVG

Buscar

O Levante e o Elxe igualan nun partido de alternativas

Publicado o 21/11/2020 21:42

Levante e Elxe repartiron puntos este sábado no Ciutat de Valencia nun encontro en que os dous equipos pasaron por fases ben diferenciadas. A primeira metade foi asunto dos de Paco López. Melero buscaba portería e Edgar Badía empregábase a fondo por evitarlle o éxito. Pero acabou por atopala aos once minutos tras un saque de esquina. Dos de Almirón pouco se soubo nesta primeira parte. Pere Milla e Raúl Guti puideron equilibrar o encontro pero Aitor Fernández interpúxose no seu camiño.

As tornas mudaron tras o recomezo. O Elxe comezou apertando e a base de apertar foise apropiando do encontro. Josan dispuxo de ata dúas ocasións para poñer as táboas no marcador. Pero ía ser Tete Morente quen asinase o gol tras un saque de falta.

A piques estivo Verdú de darlle a volta ao resultado pero de novo Aitor atallou na liña de meta.
O Levante buscou daquela a acción indivual na procura da vitoria, pero sen éxito. Os de Paco López levan sete xornadas sen gañar e suman o cuarto empate consecutivo. O Elxe de Almirón segue escalando postos na clasificación e achégase á sexta praza.

Noticias web

21/11/2020