CRTVG

Buscar

O lehendakari pide desculpas polos erros no derrubamento do vertedoiro de Zaldibar

Publicado o 18/02/2020 13:47

O lehendakari, Iñigo Urkullu, lamentou os erros cometidos na xestión da crise provocada polo derrubamento do vertedoiro de Zaldibar e marcou como prioridade o rescate dos dous traballadores desaparecidos e garantir a seguridade dos veciños.

Durante a súa comparecencia no Parlamento vasco, Urkullu recibiu críticas por parte dos grupos da oposición, que pediron máxima transparencia.

Este mediodía, as frontes máis importantes do incedio no vertedoiro quedaron sufocadas.O lehendakari Íñigo Urkullu compareceu no Parlamento vasco para explicar a actuación do seu Goberno na crise provocada polo derrubamento do vertedoiro de Zaldibar.

E fíxoo diante da mesa da Deputación Permanente, ao estar a cámara disolta pola convocatoria electoral.

Urqullu marcou como prioridade a recuperacións dos corpos dos dous traballadores desaparecidos, garantindo a seguridade dos rescatadores e dos veciños da zona.

Dito o cal, o lehendakari non tivo reparos en facer autocrítica: "Non teño ningún problema en asumir as críticas. Fíxeno sempre que me pareceu necesario. Sinto moito os erros que puidemos cometer neste operativo ao responder a unha situación inédita e da máxima complexidade".

Todos os partidos da oposición coincidiron en criticar a xestión realizada polo Executivo vasco e esixiron transparencia para coñecer as causas do derrubamento.

Sobre o terreo, os equipos de extinción conseguiron este mediodía sufocar o lume no vertedoiro e agárdase que o fume vaia desaparecendo ao longo da xornada.

Noticias web

18/02/2020