CRTVG

Buscar

O lardeiro pendurado no medio da praza inaugura os días grandes do Entroido

Publicado o 14/02/2020 09:12

Que terá o Entroido? Interesa por igual aos estudosos da antropoloxía e aos amantes da xoldra. A festa encetou onte a súa milla de ouro, despois de atravesar a meta voante do Xoves de Compadres. Empezou coma sempre, con folións, con entusiasmo, con alegría e con moita gana de botar fóra a quietude do inverno. Xa espera o lardeiro pola lardeira, na picota da praza Maior de Viana.

Reciben o Entroido, no país do Bibei, a ritmo de gadaña, de bombo e de eixada.

É un son atronador que parece arrincado das entrañas da terra para chamar unha nova época de primavera, de sol e de fecundidade.

Como é día de Compadres, no xogo do reparto da iniciativa, tócalles hoxe a eles enzoufar as mozas... con fariña e con farelos.

O Entroido en Viana só acaba de empezar. Quédanlle dez días a esta festa que conserva a esencia patrimonial e que promete o colorido dos boteiros e o saboroso das androllas.

En Verín, o Xoves de Compadres compite cada vez con máis forza co de Comadres, pero non chega aínda ás súas cifras multitudinarias. A noite comezou coas ceas dos homes, que encheron os restaurantes da vila.

E despois, procesión solemne para acompañar o maragato no día do seu xuízo.

Petardos de dimensións moi considerables, música e moita ledicia neste inicio de festa que deixou bo sabor de boca. Moitos destes homes serán mañá e pasado cigarróns.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/02/2020