CRTVG

Buscar

A Ribeira Sacra cóbrese de branco coa floración das cerdeiras

Publicado o 27/03/2019 17:44

A paisaxe da Ribeira Sacra cubriuse xa do branco das flores das cerdeiras, dándolle un aspecto que recorda o do val do Jerte. Pero este anticipo da floración de ata tres semanas ten tamén o seu lado negativo, posto que aínda segue a haber xeadas polas noites. De feito, aos produtores ribeiraos de cereixas preocúpalles que se estrague parte da colleita das variedades máis temperás, coma é o caso da burlat.

"Eu creo que levan uns 20 días de floración. Hai variedades que floreceron, as máis temperás, xa hai máis dunha semana. O problema que temos é que aínda está xeando. De feito, esta noite, houbo unha intensa xeada, que afecta as árbores. Como siga xeando, as cerdeiras vano sufrir".

Actualmente, estímase que hai máis de 6.000 cerdeiras na Ribeira Sacra, a metade das que se contaban nos anos 70. Con todo, desde 2015 plantáronse arredor de medio milleiro de árbores, polo que tende a recuperarse a produción, que nun 40 por cento está certificada como ecolóxica.

"É relativamente máis fácil de vender porque hoxe hai moita xente que prefire un produto certificado que sabe que é totalmente natural. O malo que temos é que non hai xente suficiente para recoller a cereixa porque é xente maior. Os poucos que estamos por aquí facemos o que podemos".

En menos de dous meses as cerdeiras ribeirás comezarán a dar as primeiras cereixas da temporada.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/03/2019