CRTVG

Buscar

O italiano David Sassoli novo presidente do Parlamento Europeo

Publicado o 03/07/2019 14:44

O italiano David-Maria Sassoli resultou elexido presidente do Parlamento Europeo para os próximos dous anos e medio, tras unha votación na que obtivo o apoio de 345 eurodeputados do total de 667 que emitiron un voto válido.

Natural de Florencia, periodista de profesión e membro do Partido Socialdemócrata italiano, Sassoli logrou o cargo de maior responsabilidade da Eurocámara na súa terceira lexislatura como eurodeputado e despois de ser vicepresidente da institución entre 2014 e 2019.

En segundo lugar quedou o candidato dos Conservadores e Reformisas, o checo Jan Zahradil, con 160 votos; seguido da copresidenta dos Verdes europeos, a alemá Ska Keller, con 119 votos e da española de Unidas Podemos Sira Rego, que sumou 43 apoios.

Cúmprese así a 'recomendación' lanzada na véspera da votación polos xefes de Estado e de Goberno da Unión Europea de que esta institución sexa presidida na nova lexislatura por un eurodeputado da familia socialdemócrata europea, co fin de axustarse aos equilibrios que acordaron os líderes na súa negociación dos altos cargos da Unión Europea.

Este sinal provocou un gran malestar na Eurocámara polo que os grupos interpretan como unha grave inxerencia das capitais nunha institución que debe ser independente e, de feito, o resultado das negociacións entre os Vinteoito provocou fortes tensións dentro das súas familias políticas europeas.

De feito, Sassoli non contaba só co apoio do seu grupo, os Socialistas e Demócratas, senón tamén cos do Partido Popular Europeo e dos Liberais europeos, o debería asegurarse 442 votos. Non obstante, fíxose co posto cun apoio menor e en segunda volta, porque na primeira ronda non logrou a maioría absoluta.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí