CRTVG

Buscar

O Istambul retírase do partido contra o PSG tras denunciar un insulto racista do cuarto árbitro

Publicado o 08/12/2020 22:48
O Istambul retírase do partido contra o PSG tras denunciar un insulto racista do cuarto árbitro

O Istambul retirouse este martes do Parque dos Príncipes no partido de Liga de Campións que lle enfrontaba ao París Saint-Germain despois de que un membro do corpo técnico asegurara recibir un insulto racista do cuarto árbitro. 

Os feitos tiveron lugar aos 20 minutos do partido, cando o marcador reflectía un empate a 0. O árbitro, o romanés Ovidiu Alin Hategan, sinala unha falta a favor do PSG e o exinternacional camerunés Achille Pierre Webo protesta de forma virulenta. 

Alertado polo cuarto árbitro, o colexiado acode á banda e o seu asistente dille que foi "o negro", segundo asegura o exxogador camerunés, actual membro do equipo técnico do Istambul. Ante esa palabra, que nalgúns idiomas pode ter unha forte carga despectiva e racista, Webo e todo o banco comezan a protestar. 

O cuarto árbitro, o tamén romanés Sebastian Coltescu, asegura que non lle chamou "negro" no sentido despectivo, senón "rapaz negro" (black guy). Pero a explicación non convence os xogadores do conxunto turco que, liderados por un membro do seu corpo técnico, reprochan ao cuarto árbitro utilizar a cor da pel para identificar o xogador.  "Por que cando te refires a un branco non lle chamas o rapaz branco?", reprochábanlle. 

O cuarto árbitro defendíase asegurando que no seu idioma a palabra "negro" non ten connotacións racistas. Fronte ao balbordo xerado, e a pesar da intervención do delegado da UEFA, os xogadores de ambos os equipos dirixíronse aos vestiarios. 

Noticias web

08/12/2020