CRTVG

Buscar

O Irixo, no nivel alto de restricións dende a medianoite, súmase a Padrenda e Cortegada

Publicado o 02/04/2021 15:01

Hoxe O Irixo parecía un concello pantasma. Ao nivel alto de restricións, no que entraron esta medianoite, súmase un día gris e húmido polo que os ánimos non estaban para moita festa.

"Está baixo de todo. Aquí a xente está moi baixa, non se animan nin a comprar pan nin a nada", contaba Manuel Salgueiro que é panadeiro 

Hoxe Manuel despachou a metade do pan do que vendería un Venres Santo normal. Aquí no Irixo botan de menos aos veciños que viven fóra e que sempre retornan estes días.

 "Aínda hai moita xente emigrante fóra de aquí, en Suíza, Alemaña e nesta semana habería moita máis afluencia que a que hai agora que non hai ninguén", conta Jose Luís Acuña, propietario dunha funeraria.

"Aumentaba a pobación e veías outro ambiente que non hai a diario e esa xente por desgracia non pode vir estes días, entón cos de aquí estamos nada máis", apunta Paulino Vázquez que é hostaleiro.

Para Ana hoxe tampouco está sendo un bo día.

 "Aínda non empecei nin a vender. Hoxe estamos ao que Deus queira, se temos sorte vendemos e se non levámolo de volta. Así de fácil", comenta Ana Belén Domínguez, polbeira do Carballiño.

No Irixo tiñan 5 persoas contaxiadas polo que este mércores 500 veciños dos 1.400 que viven no concello foron convocados a un cribado. Buscaban asintomáticos e atopáronos, polo que pasaron a nivel alto. Esta mañá algún veciño aínda non sabía que os bares estaban pechados por dentro.

 "Véñenche para dentro a tomar un café e non entenden que teñan que tomalo fóra. Pero fóra teño frio, me din. É un problema que nos ven a maiores do que xa temos ", comenta  o hostaleiro.

Noticias web

02/04/2021