CRTVG

Buscar

O IPC descende un 0,1% e sitúase no nivel máis baixo en case tres anos

Publicado o 12/07/2019 09:38
O IPC descende un 0,1% e sitúase no nivel máis baixo en case tres anos
O índice de prezos de consumo (IPC) situouse no 0,4 % anual en xuño, unha taxa catro décimas inferior á de maio e a máis baixa desde setembro de 2016, debido ao impacto do prezo da enerxía.
O Instituto Nacional de Estatística (INE) confirmou este venres que a inflación de xuño foi do 0,4 % tras situarse en maio no 0,8 %, un mes no que baixou sete décimas respecto a abril. O INE sinala que o transporte tivo en xuño unha taxa cero, case dous puntos inferior á de maio, debido á diminución dos prezos dos carburantes e lubricantes. Tamén a baixada dos prezos da electricidade e os combustibles líquidos lastraron a taxa da vivenda, que tras experimentar un descenso de máis dun punto situouse no 1,5 % negativo.
Pola contra, a tempada estival impulsou o prezo dos paquetes turísticos, o que elevou oito décimas a taxa anual do lecer e a cultura, que a pesar diso continúa no 0,4 % negativo. En xuño, o prezo dos hoteis, cafés e restaurantes avanzou un 2,2 % en taxa anual; o do ensino, un 1 %, e o vestido e o calzado, un 0,9 %. A un nivel máis desagregado, o prezo dos produtos enerxéticos baixou un 2,6 % en xuño en taxa anual e o dos alimentos sen elaboración, un 1,4 %, mentres que o maior repunte rexistrárono os servizos cun índice do 1,4 %. 
A compravenda de vivendas subiu en maio o 1,1 % respecto ao mesmo mes de 2018, ata as 47.558 operacións, e retomou a senda á alza tras baixar en abril o 3,1 %, segundo os datos publicados este venres polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Respecto a abril, a compravenda de casas disparouse o 15,9 %, mentres que no acumulado dos cinco primeiros meses do ano, a subida fronte ao mesmo período do ano pasado é do 1,8 %. En maio, a venda de vivendas novas aumentou o 0,8 %, ata as 8.305 operacións (17,5 % do total), en tanto que o mercado de segunda man avanzou o 1,1 % e sumou 39.253 transaccións (82,5 % do total)

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí