CRTVG

Buscar

O interior de Galicia rexistra datos turísticos históricos este verán

Publicado o 20/08/2021 20:46

O interior de Galicia está experimentando un dos mellores veráns dos últimos anos en canto ao turismo. Veñen menos estranxeiros pero compénsase, sobradamente, cos visitantes da península.

A auga a corenta graos non intimida esta parella chegada de Orihuela: "Alí, ten en conta que son 35-40 graos, así que aquí estamos na nosa salsa. Estupendo".

As termas, mesmo no verán, representan un dos principais atractivos turísticos do interior ourensán, especialmente cun mes de xullo e parte de agosto pouco favorables na costa. Ismael Domínguez Viéitez, encargado das termas do Prexigueiro: "A ocupación que vimos rexistrando é un máximo de 60 persoas, o 50% do habitual, e poden estar entrando unhas 200 ou 250 persoas ao día".

Hai ringleiras á porta da oficina de turismo de Ribadavia. Unhas trescentas persoas ao día pasan por aquí. É un bo verán para o turismo de interior nun ano en que a xente aínda non se anima a voar ao estranxeiro. Antonio Míguez Amil, técnico da oficina de turismo de Ribadavia: "Outros anos nestas datas tiñamos máis xente de Inglaterra, Francia, moitos alemáns... Este ano non. Este ano, turismo ibérico".

O recoñecemento oficial en Portugal do camiño Miñoto Ribeiro cara Compostela, e as sucesivas olas de calor no resto da península, tamén contribuíron a este despuntar turístico. "O mellor é poñer unha chaquetiña pola noite, iso estanos encantando". "Todo cheo. O turismo rural, a pandemia, a ocupación... resulta que intentas reservar e non hai, intentas noutro, e non hai", din dous turistas, madrileño e andaluza, respectivamente.

O mesmo fenómeno estase observando noutras vilas, coma O Carballiño ou Allariz, e na propia cidade de Ourense.

Noticias web

20/08/2021