O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago abre a porta a novas terapias contra o cancro
Un paso máis na investigación contra o cancro. O IDIS, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, acaba de demostrar unha das actividades clave para o desenvolvemento do cancro que podería abrir as portas a novas terapias para combatelo.
Todas as células do organismo teñen unha identidade propia. No Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago acaban de comprobar que no proceso de desenvolvemento de cancro pérdese esa identidade e convértese en célula tumoral. Identificar as claves desa identidade pode abrir portas no tratamento contra o cancro.
Manuel Collado, investigador: "Ata o momento case todas as terapias que imos ensaiando van dirixidas fundamentalmente a matar a célula tumoral, pero isto pode darnos a oportunidade de atacar a célula tumoral por un ángulo moi distinto ata o de agora ensaiado".
Ábrese agora unha nova vía de exploración para identificar unha posible vulnerabilidade da célula tumoral e intentar desarmala. A investigación do IDIS precisou a colaboración do Hospital Clínico de Santiago, doutros laboratorios e da USC. Axudas sempre insuficientes, apuntan, para desenvolver traballos tan importantes.
Manuel Collado, investigador: "Realmente traballamos baixo unhas condicións pésimas, tanto de financiamento como de apoio á investigación, como de apoio non simplemente económico, senón á burocracia, á xestión á que nos enfrontamos todos os días para poder traballar e, pese a iso, este tipo de descubrimentos son reveladores do potencial que temos".
A investigación acaba de publicarse na prestixiosa revista internacional Stem Cell Reports.