CRTVG

Buscar

O #Instagal da CRTVG, mellor proxecto de social media dos premios Paraugas

Publicado o 29/11/2019 21:59

A CRTVG acaba de gañar este venres o Premio Paraugas de Comunicación e Márketing de Galicia, na categoría de Mellor proxecto Social Media. O xurado do certame decantouse por #Instagal, a proposta dos medios públicos galegos, coa que busca retratar a diversidade lingüística de Galicia a través das redes sociais. 

Rosa Vilas, adxunta ao director xeral da CRTVG, e Alba Mancebo, xefa de Extensión Audiovisual da TVG, recolleron este Premio Paraugas no transcurso dunha gala celebrada en Ourense. Na mesma categoría, a CRTVG competía coa Axencia Nasas, coa campaña ‘Edición Memes’ para Cabreiroá, e coa axencia by Sidecar, con 'Influencers naturais' para Central Lechera Asturiana.

Alba Mancebo quixo agradecer o labor do lingüista da CRTVG Paulino Novo no asesoramento deste proxecto, que ten como protagonista "o ghalegho", as distintas variantes dialectais que ten o noso idioma. Pola súa parte, Rosa Vilas destacou o papel dos medios públicos na difusión do idioma e recoñeceu o esforzo do #Instagal á hora de recuperar palabras e expresións das distintas zonas de Galicia.

Como nace #Instagal?

Este proxecto xéstase en 2019, e os seus principais obxectivos son entreter e divulgar a través da creación de contidos dixitais propios. Deste xeito descóbrense palabras galegas en uso. O funcionamento é o seguinte: cada semana proponse unha palabra nas historias de Instagram da Televisión de Galicia (@tvgalicia) e os usuarios deben aportar os sinónimos que empregan na súa zona. Isto fai que poidan espallarse os diversos usos desa palabra nas distintas variedades dialectais de Galicia. 

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí