CRTVG

Buscar

O informe preliminar da autopsia da nena de Muimenta, en mans da xuíza

Publicado o 05/05/2019 16:16

Continúa a investigación arredor do falecemento da pequena de sete anos que apareceu morta na súa casa de Muimenta. Á espera de coñeceren os resultados preliminares da autopsia, xa en mans da xuíza, os investigadores seguen a hipótese dunha posible intoxicación cos medicamentos cos que a nai trataba un trastorno psicolóxico. A muller continúa ingresada en estado de shock no hospital Lucus Augusti.

A investigación que rodea a morte da nena en Cospeito segue o seu curso, sen que polo momento se practicasen detencións, segundo confirmaron desde o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A pequena, de sete anos, foi achada sen vida este venres no seu domicilio da parroquia de Muimenta, onde vivía coa súa nai e a súa avoa. O caso está a cargo do xulgado número 1 de Vilalba, que xa decretou o segredo de sumario. Unha das hipóteses coa que traballan os investigadores é a da intoxicación, tras o achado dunhas pastillas que tiña que tomar a súa nai para tratar o trastorno psicolóxico que padecía.

Tamén seguen a pegada dun líquido de cor escura, que contiña a botella de auga da que bebía habitualmente a menor, e que podería conter máis medicamentos. A nai dixo descoñecer se a nena bebera esa substancia, a pesar de que durmiron xuntas esa noite. Recolleron, ademais, pezas de roupa, á falta do pixama da nai co que non deron os axentes.

Ante a ausencia de signos de violencia, a Garda Civil considerou que se trataba dunha morte natural. Fontes da investigación confirmaron que o equipo forense xa lle practicou a autopsia este sábado no hospital Lucus Augusti, cos resultados preliminares que xa foron enviados á xuíza.

A nai da menor continúa ingresada no hospital en estado de shock, vixiada por un grupo de psicólogos, á espera de que a maxistrada ordene tomarlle declaración cando mellore o seu estado. Os pais da pequena estaban separados e a nai era quen tiña a súa custodia. A avoa quedou en liberdade tras declarar o venres no cuartel de Vilalba. A pequena será soterrada esta tarde na parroquia natal do seu pai, en Xermade.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/05/2019