CRTVG

Buscar

O incendio nun bar de Ponteareas obriga a desaloxar un edificio

Publicado o 04/02/2020 13:23

Foron os veciños da zona os que alertaron as servizos de emerxencias pouco antes das 8 da mañá, tras ver como saía fume do interior do establecemento situado no Paseo Matutino. Ata o lugar do suceso trasladáronse a Policía Local, os bombeiros de Ponteareas e tamén un reforzo dos bombeiros do Porriño, que sufocaron as lapas con rapidez.

O incendio orixinou un intenso fume, que afectou a todo o edificio no que se atopa o local. Por este motivo o inmoble foi desaloxado por completo. As casas quedaron completamente afumadas, pero afortunadamente non se rexistraron danos persoais. Todo apunta que o lume se orixinou por un curtocircuíto. Arestora todos os veciños puideron volver xa aos seus domicilios.

 

Noticias web

04/02/2020