Un incendio industrial que requiriu dun grande esforzo e de moitos medios para a súa extinción
A alerta do incendio saltou contra as seis e media da mañá do domingo. Foi a Policía Nacional a que avisou de que había lume no interior da nave de Castro Parga, unha empresa de pinturas.
Santiago Villanueva, director xeral de Emerxencias: "É unha situación complexa para a cidade de Lugo, para os empresarios, para o polígono. Os incendios industriais son moito máis complexos que calquera outra actividade".
A columna de fume negro víase desde a cidade de Lugo e a varios quilómetros de distancia. Segundo os responsables de Emerxencias, tal cantidade de fume impediu a actuación de medios aéreos para sufocar o incendio e tívose que actuar desde terra. As lapas propagáronse ata outras naves lindeiras de almacenamento de pneumáticos, recambios de automóbiles e á do xornal 'El Progreso'.
Tamén houbo que baleirar os depósitos de combustible dunha gasolineira das proximidades. Media ducia de naves quedaron afectadas.
José Manuel Lamas, propietario de Frigoríficos Alfonso: "Recibimos o aviso dun amigo ás oito da mañá que estaba o lume ao lado. Vin ata aquí, sacamos furgonetas, material inflamable como gas refrixerante e produtos de soldadura que temos".
Na extinción do incendio participaron os bombeiros de Lugo e Vilalba, persoal e medios dos bombeiros forestais de Chantada, Monterroso e Becerreá, camións principais da Axencia de Emerxencias de Galicia para subministrar auga, equipos de Protección Civil, da Policía Local e da Nacional. A anterior emerxencia destacable neste polígono foi en xuño de 2019. Unha nube tóxica provocada pola vertedura de miles de litros de ácido nítrico nunha nave da empresa Leite Río.