CRTVG

Buscar

O incendio en Sierra Bermeja avanza imparable e provoca o desaloxo de seis municipios

Publicado o 12/09/2021 21:00

O lume que desde hai catro días afecta a zona de Sierra Bermeja, no suroeste da provincia de Málaga, segue avanzando imparable. As faíscas provocaron novos focos que se foron unindo e obrigaron a desaloxar a poboación de seis localidades.

Tras a petición da Xunta de Andalucía ao Goberno central, a Unidade Militar de Emerxencias (UME) incorporouse aos labores de extinción do incendio que leva calcinadas polo menos 6.000 hectáreas e que se converteu en "inusitado no noso país", segundo o subdirector do Centro Operativo Rexional (COR) do Plan Infoca Alejandro García.

Ao milleiro de evacuacións de días anteriores sumáronse as poboacións de Jubrique, que conta cun censo de 523 persoas; Genalguacil, unhas 400; Faraján, 261; Pujerra, 308; Alpendeire, 262, e Júzcar, 214. O total de desaloxadas anda polos 3.000.

O sábado á noite as condicións meteorolóxicas melloraron e os equipos de extinción confiaban en estabilizar o incendio, activo desde o mércores. Pero de madrugada todo cambiou ao declararse un novo lume.

Faíscas imprevisibles

"Unhas faíscas, que é algo posible pero non previsible, xeraron un novo incendio, o que temos neste momento", explica o responsable do operativo de extinción. "Iso complicou a situación, ata o punto de que axiña se reuniron os dous incendios e obrigaron ao desaloxo dos municipios", engade o conselleiro da Presidencia.

Primeiro desaloxaron unhas 400 persoas de dous municipios e horas máis tarde decidiron evacuar outras catro localidades. A maioría dos afectados foron trasladados ao polideportivo de Ronda.