CRTVG

Buscar

O incendio dun taller deixa unha familia da Estrada sen casa e sen negocio

Publicado o 11/10/2019 12:58

Tres dotacións de bombeiros acudiron contra as sete e media da tarde de onte a apagar o incendio declarado nunha edificación da parroquia de Berres, na Estrada. Viñeron desde Silleda, Forcarei e A Estrada e precisaron de máis reforzos debido ás dimensións que acadou. 

Francisco Javer Valiño, adxunto á xefatura dos bombeiros de Silleda: "Foi un incendio complicado dada a carga térmica que había no taller, con catro vehículos no interior, depósitos de aceite, pinturas, etc. e no baixo cuberta da vivenda tamén había un montón de trebellos que nos complicou bastante os labores de extinción".

Segundo as primeiras indagacións, o lume orixinouse no taller de chapa e pintura que o dono da casa ten no baixo. Rapidamente propagouse pola vivenda onde nese momento non había ninguén. Os danos materiais son enormes. 

Francisco Javier Valiño, adxunto á xefatura dos bombeiros de Silleda: "O taller quedou totalmente destruído. Estaba no baixo da vivenda e, dada a carga térmica que soportou, a estrutura do edificio quedou debilitada. Algún perito terá que valorar a estabilidade da edificación. Houbo temperaturas de 800 - 1.000 graos no teito dese espazo".

O matrimonio que vive na casa e o seu fillo pasaron a noite na casa duns parentes, coa pena de ver perecer baixo o lume o traballo de toda unha vida.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/10/2019

Máis sobre a estrada