CRTVG

Buscar

O incendio do punto limpo de Valga puido ser intencionado

Publicado o 23/09/2019 15:10

Son as imaxes que alertaban onte os veciños de Valga ao mediodía. Unha parte do punto limpo municipal ardía provocando unha densa columna de fume. Tratábase, concretamente, deste almacén de aparellos eléctricos completamente pechado.

Simeón Barros, empregado municipal: "Eu cando vin semellante nube negra imaxinábame o peor. Coa cantidade de material que hai aquí se escapa deste pendello podería ser catastrófico".

Ao lugar desprazáronse o GES de Valga nun primeiro momento, e logo os Bombeiros de Vilagarcía e Ribadumia. Alí estiveron traballando preto de dúas horas. Grazas á súa rápida actuación, conseguiron evitar que o lume se propagase ao resto das instalacións, onde se almacenan todo tipo de materiais ao aire libre, moitos deles combustibles.

David Padín, sarxento dos bombeiros do Salnés: "Aplicáronse liñas de extinción e de escuma e puidose conter o lume. O risco está no material almacenado e a carga térmica".

Arestora estanse a investigar as causas do incendio a través do visionado das cámaras de seguridade do recinto, para tratar de descubrir se foi intencionado, como apuntan as primeiras pescudas.

"Dentro non había toma de corrente, así que tivo que ser intencionado".

Aseguran tamén que é común a entrada de ladróns ao recinto. Afortunadamente, despois do suceso non hai que lamentar danos persoais, xa que se atopa afastado das casas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/09/2019