CRTVG

Buscar

O incendio de Tarragona avanza sen control tras queimar 6.500 hectáreas

Publicado o 27/06/2019 22:05

• Medio cento de persoas tiveron que ser xa desaloxadas

• A situación agrávase aínda máis coa vaga de calor, que se intensifica en España e Europa

A mala xestión do esterco nunha granxa de polos foi a orixe do incendio que desde onte avanza sen control tras devorar mais de 6.500 hectáreas na Ribeira de Ebro. Máis de 350 bombeiros da Generalitat e 230 efectivos da Unidade Militar de Emerxencia tratan de controlar o lume nuns complexos labores de extinción, dificultados polo terreo. Unha zona moi abrupta e con moitos barrancos. Segundo o responsable da UME, Alejandro Morón, as próximas horas serán decisivas porque se esperan condicións meteorolóxicas moi adversas.

O lume obrigou a cortar 5 estradas locais e a evacuar 41 persoas en masías illadas da zona. De momento non fixo falta evacuar ningún núcleo de poboación. É o incendio máis grave en 20 anos. Ademais dos bombeiros e militares participan na extinción helicóptero, hidroavións e outros medios aéreos.

As condicións meteorolóxicas non axudan. O vento reduciuse, pero a temperatura subiu considerablemente. A Generalitat prohibiu acceder ás montañas catalás durante toda a fin de semana para evitar riscos, e pediu que se extremen as medidas de seguridade.

Noticias web

27/06/2019