CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

O IES da Pontepedriña, premiado pola FAO por un traballo sobre os incendios

Publicado o 15/01/2018 15:23

Foron tres semanas de duro traballo pero que tiveron a súa recompensa. Nove alumnos do Instituto da Pontepedriña, en Santiago, fixéronse co primeiro premio do concurso organizado pola FAO para conmemorar o Día Internacional do Solo. Un premio no ámbito mundial que se converteu nun aplaudido e inesperado agasallo de Reis.

Estaban contentos co traballo feito pero non agardaban recibir un recoñecemento no ámbito mundial. Agora, cando desfrutan do bo sabor que deixan os parabéns e os premios, alumnos e mestres do Instituto da Pontepedriña lembran como foi o inicio deste proxecto, ao que dedicaron moitas horas do seu tempo libre.

O punto de partida foron os incendios e os danos que causaron. Se observamos con detalle podemos ver cinza, palla, follas e cores naturais, coas que conseguiron dar máis viveza ao mural.

O traballo completouse cun vídeo que realizaron alumnos de tecnoloxía nalgúns dos lugares afectados polos incendios.

Detrás deste premio está o recoñecemento a un traballo en equipo en que se implicou todo o instituto; os departamentos de bioloxía, plástica, lingua, tecnoloxía e ata o de música, encargado de poñer banda sonora ao vídeo. Agora xa buscan un lugar axeitado para expoñer de xeito permenente este mural de premio.