CRTVG

Buscar

A Revista

O IES As Barxas de Moaña convértese nun centro de arte contemporánea dedicado a Maruxa Mallo

Publicado o 07/06/2017 13:07

Unha imaxe vale máis ca mil palabras en calquera eido da vida. Na publicidade, na arte, ata na economía... así que, por que non educar mediante as disciplinas artísticas de maneira transversal e aprender a valorar todos os talentos? O Instituto de Secundaria das Barxas, en Moaña, converteuse este curso nun centro de arte contemporánea, que xestionaron e encheron os propios alumnos na honra de Maruxa Mallo.

A armadanzas é a profesora de Plástica, Luz Veloso, que organizou o proxecto "Transformando realidades", consistente, cóntanos, en facer da arte o elemento transformador da sociedade e de nós mesmos. Os rapaces de bacharelato están moi implicados e presentaron obras inspiradas en Maruxa Mallo moi boas que van desde ilustracións, debuxos, performance, animación ou audiovisuais ata a realidade aumentada. Case todo está feito con material de reciclaxe.

Os docentes cren que todo o mundo pode ser artista porque consideran que todo o mundo ten un talento. O proxecto implica aos alumnos de Bacharelato como produtores de arte e aos alumnos da ESO como xestores dun museo que instalaron no vestíbulo do centro. Tamén desenvolveron unha páxina web que elaboran como un diario no que os propios alumnos van subindo o que se vai facendo ou elaboran vídeos nos que contan e xustifican o seu proxecto.

Luz e María José, profesora de Economía na ESO, cren que a arte é necesaria na sociedade e, neste caso, nas ensinanzas porque empodera o alumno e o transforma nun persoa autosuficiente e con autoestima. Aseguran que, ao final, traballan no proxecto porque lles gusta non por unha nota.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

A Revista

07/06/2017