CRTVG

Buscar

O IDIS coordina un proxecto para investigar enfermidades como o ictus e o alzhéimer

Publicado o 20/06/2019 18:44

Bota a andar un proxecto europeo de investigación para mellorar a diagnose e o tratamento de enfermidades asociadas á vellez, como o ictus e o alzhéimer. O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago coordina este proxecto.

A gran prevalencia en Galicia de enfermidades neurolóxicas como o ictus ou o alzhéimer é consecuencia directa do envellecemento da poboación, un problema demográfico de toda a franxa atlántica europea. Parece lóxico, polo tanto, que os investigadores da eurorrexión que estudan estas doenzas unisen forzas para traballar en común. Así nace a plataforma Neuroatlantic.

Tomás Sobrino, coordinador do proxecto NeuroAtlantic: "O IDIS será coordinador de todas as empresas, grupos académicos e hospitais que participarán no proxecto. Está dotado de 1,8 millóns de euros, ten unha duración de tres anos ata 2021".

Un dos obxectivos específicos é coñecer con exactitude que ocorre despois do ictus no cerebro do paciente. En relación ao alzhéimer, trátase de dar con novos radiofármacos que guíen con maior precisión os tratamentos; tamén lograr diagnosticar a doenza antes de que se manifeste.

Pablo Aguiar, coordinador do proxecto NeuroAtlantic: "A idea é ir a marcadores máis específicos e precoces que nos permitan facer un diagnóstico no momento no que o paciente está asintomático".

A longo prazo, os investigadores pretenden manter unha plataforma estable cos centros de Portugal, Francia, Irlanda e O Reino Unido.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/06/2019