CRTVG

Buscar

O Ibex sofre a súa peor semana desde 2010

Publicado o 28/02/2020 19:45

Suíza decidiu cancelar o Salón do Automobil de Xenebra e calquera acto con máis de 1.000 persoas. En España, Sanidade non suspenderá de momento os actos públicos, aínda que estuda caso por caso e podería haber algunha excepción. O medo ao coronavirus espállase polas bolsas de todo o mundo e a de Madrid pechou outra semana negra.

Madrid perdeu desde o luns case un 12% e pechou a peor semana desde 2010. O medo aos efectos do coronavirus na economía espállase máis rápido ca a epidemia. A CEOE pide que non se adopten decisións que agraven o horizonte de desaceleración.

"Hai que ter moito coidado coas medidas que se tomen porque poden afectar máis a nosa economía".

O envío mundial de paquetes desde Asia está paralizado. Facebook suspendeu o seu encontro anual en California. E Suíza cancelou o Salón Internacional do Automobil de Xenebra e calquera acto que reúna máis de 1.000 persoas. Sanidade non adopta de momento medidas semellantes en España, pero estuda cada caso e apunta excepcións que poderían afectar a Liga Europa de Futbol.

Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias di que se en Italia están prohibidos os partidos de fútbol ou se xogan a porta pechada, "non tería sentido que a un partido dun equipo italiano en España viñeran 10.000 seareiros italianos desa zona onde na súa casa non poden ir a un partido de futbol".

O Valencia Club de Fútbol cancelou a súa axenda pública e as conferencias de prensa tras detectarse o contaxio do xornalista que viaxou na expedición do equipo a Milán. E a FIFA estuda suspender todos os partidos internacionais de marzo.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/02/2020